In Noticias

Abierto el plazo de solicitud del programa InnovaPeme, con el que la Xunta apoyará la movilización de 5,6 millones de euros para potenciar las capacidades y actividades innovadoras de las pymes y microempresas gallegas.

A Xunta vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar na cuarta edición do programa InnovaPeme, que ten como obxectivo potenciar as capacidades e actividades innovadoras de ao redor de 40 microempresas e pemes galegas. Cun orzamento de 2,8 millóns de euros e grazas á colaboración público-privada, a mobilización prevista en gasto en I+D+i poderá duplicarse ata alcanzar os 5,6M€.

A iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destínase ao financiamento de actividades de innovación coordinadas a través dun plan de actuacións proposto polas empresas para iniciar, intensificar ou mellorar a súa capacidade e desempeño. Deste xeito, os recursos diríxense á organización da función innovadora, á identificación de tecnoloxías clave do seu negocio, e á mellora da comercialización de produtos e servizos innovadores, á captación de financiamento para incrementar a innovación ou para a protección industrial dos seus resultados.

Entre as novidades desta convocatoria, aberta ata o 7 de xuño, destaca a exclusión daquelas empresas que xa foron beneficiarias do programa en edicións anteriores, o que responde á filosofía deste programa que pretende achegar a innovación ao maior número de firmas posible, co obxectivo de que Galicia conte cun tecido empresarial competitivo baseado na innovación e na creación de emprego cualificado.

Para optar a estas axudas de concorrencia competitiva as empresas deben presentar unha folla de ruta ou plan de actuacións onde se recollan as actividades que pretenden desenvolver de xeito organizado e coherente coas súas necesidades. Deben ser actividades de innovación ou fomentar a innovación en materia de procesos ou organización e estar aliñadas con algunha das prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). As actuacións estenderanse durante un mínimo dun ano e como máximo ata o 30 de setembro de 2022.

Ademais, será necesaria a presentación do informe Innobench —un sistema de medición froito da colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), co Consorcio da Zona Franca de Vigo e o grupo Rede da Universidade de Vigo– no momento da solicitude, así como tras a finalización do plan, o que permitirá ter unha visión global das necesidades iniciais da empresa antes de executar o plan e os resultados acadados en termos de mellora dos indicadores globais de desempeño innovador.

Cada beneficiario recibirá unha axuda de entre 40.000 e 100.000 euros cos que se quere promover a cultura da innovación, incrementar o número de empresas innovadoras, aumentar a competitividade das pemes galegas, potenciar a colaboración das mesmas co resto de axentes do ecosistema innovador, favorecer a comercialización de resultados de I+D+i, ampliar a visión da innovación por parte dos xestores e aumentar o gasto en I+D e nas actividades innovadoras.

Balance

Desde a posta en marcha de InnovaPeme, no ano 2017, a Xunta concedeu axudas a un total de 124 pemes e microempresas cun orzamento de 10,6 millóns de euros, o que favoreceu unha mobilización de 21,2 millóns de gasto en I+D+i. O 44% dos apoios foron para microempresas, o 35% para pequenas empresas e o 21% restante para medianas. Ademais, o 78% das beneficiarias non tiña recibido unha axuda da Axencia Galega de Innovación desde a súa creación, polo que este apoio representou, para moitas delas, a primeira oportunidade de cara a consolidarse no futuro como empresas innovadoras en Galicia. Os sectores relacionados coas TIC, a enxeñaría e ao agroalimentario foron os que recibiron un maior apoio.

Por outra parte, InnovaPeme permitiu o mantemento e creación de 618 postos de traballo e está impulsando a colaboración con máis de 150 entidades, universidades, centros e empresas tecnolóxicas, polo que se logrou reforzar a innovación colaborativa entre estas entidades de menor tamaño.

O programa compleméntase coas medidas postas en marcha polo Goberno galego dirixidas ao fortalecemento das pemes galegas a través da innovación e as novas tecnoloxías. Así, a Axencia Galega de Innovación (Gain) ofrece apoio ao emprendemento baseado en tecnoloxía a través da súa rede de aceleradoras ou programas como o Ignicia; promove a captación e retención de talento con iniciativas como Principia ou Talento Sénior; impulsa a investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica con iniciativas como Fábrica Intelixente, as Unidades Mixtas de Investigación ou Conecta Hubs; e fomenta o crecemento innovador.

Fuente de la noticia: http://gain.xunta.gal/novas/1431/aberto+prazo+solicitude+do+programa+innovapeme+co+xunta+apoiara+mobilizacion+56m+potenciar+as+capacidades+actividades+innovadoras+pemes+microempresas+galegas

Recent Posts

Dejar un comentario

Contact Us

We're not around right now. But you can send us an email and we'll get back to you, asap.

Not readable? Change text. captcha txt
0

Start typing and press Enter to search

X