In Sin categoría

Lengua gallega:

Confirmar a validez do xeorradar ou GPR (siglas en inglés de radar de penetración terrestre) como unha ferramenta útil para a análise e inspección de obras de enxeñaría civil e infraestruturas de transporte foi o obxectivo central da tese que o enxeñeiro Francisco Javier Prego desenvolveu ao abeiro dun proxecto do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) da Universidade de Vigo e que defendeu na Escola de Enxeñaría Forestal do campus pontevedrés. A súa investigación permitiu demostrar a utilidade desta ferramenta, baseada na “capacidade de penetración das ondas electromagnéticas” para facer “unha especie de radiografía” de infraestruturas como estradas, permitindo así detectar defectos internos, ao igual que localizar servizos soterrados asociados a obras, como tubaxes. Do mesmo xeito, a investigación desenvolvida por Prego Martínez permitiu constatar a viabilidade de aplicar o xeorradar en tarefas de control de calidade de túneles durante a súa construción, á vez que comprendeu tamén o desenvolvemento dunha aplicación informática para o procesado do sinal electromagnético emitido por este tipo de radares.

“Esta capacidade de penetración das ondas electromagnéticas serve para estudar a presenza de anomalías que non se aprecian desde fóra”, salienta o xa doutor, que pon como exemplo da utilidade desta ferramenta a posibilidade de detectar “ocos internos nunha explanada que poden causar o seu afundimento se colocamos grandes pesos na superficie” ou a localización das tubaxes existentes nun lugar no que está prevista unha obra. “É unha tecnoloxía aínda pouco aproveitada no ámbito das obras de enxeñaría civil, pero que ten avanzado moito nos últimos dez anos”, sinala este enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos.

Dirixida polo investigador principal do grupo Geotech Pedro Arias e a docente do Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar Mercedes Solla, a tese Análise da viabilidade e caracterización do sinal GPR para a avaliación de obras e infraestruturas do transporte, tivo a súa orixe no proxecto de I+D Sitegi, que o grupo Geotech desenvolveu  entre 2011 e 2013 con varias empresas galegas, entre elas as construtoras ourensás Extraco e Misturas, nas que traballa o novo doutor. Cofinanciado polo Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial do Ministerio de Economía e o Fondo Tecnolóxico da Unión Europea, o proxecto permitiu o desenvolvemento dunha unidade móbil de inspección computerizada dotada de equipos como o GPR, tecnoloxía na que Prego Martínez centrou a súa tese, conformada por un compendio de artigos publicados en revistas científicas de ámbito internacional.

Unha ferramenta versátil e non destrutiva

Un destes estudos céntrase en demostrar “a capacidade do xeorradar como ferramenta para a detección de defectos internos e externos” en estradas e infraestruturas portuarias, a partires do estudo de “procedementos de inspección integral baseados no uso conxunto de tres técnicas non destrutivas”, o GPR, a termografía infravermella e o láser escáner terrestre. Neste senso, o estudo achega “información práctica” sobre como unhas técnicas que non fan preciso picar nin cavar permiten detectar defectos como “a existencia de ocos interiores, cárcavas e problemas estruturais internos das capas de firmes que non se aprecian desde fóra”.

“Desde un punto de vista económico, isto supón unha gran vantaxe, pois as técnicas de inspección destrutivas precisan habitualmente de reparacións posteriores ao seu uso”, salienta Prego quen ao mesmo tempo destaca do xeorradar a súa “versatilidade para analizar multitude de infraestruturas”. Nese senso, outro dos artigos incluídos nesta tese confirma o seu potencial para a localización de servizos soterrados asociados ás obras, como conducións e tubaxes. “Esta contribución achegou novas pautas da actuación que melloran a eficacia das prospeccións co xeorradar, optimizando os parámetros de adquisición de datos GPR en campo, que foron validados a escala real nun tramo de probas” construído en Allariz e onde se puido constatar como estes equipos eran capaces de localizar estas tubaxes subterráneas, diferenciando os seus tamaños, diámetros e emprazamento. Esta aplicación puido validarse tamén en escenarios reais durante a construción da autovía Ourense-Celanova.

Aplicación en túneles durante a súa construción

Un terceiro artigo céntrase en analizar a viabilidade do uso do xeorradar no “control de etapas críticas de construción” de túneles, un estudo que se realizou no túnel de Seiró do tramo Lubián-Ourense das obras do AVE. “Analizouse se os elementos de sustentación previstos estaban sendo ben colocados a medida que executaban”, explica Prego dun estudo que permitiu constatar a súa utilidade “no control de espesores dos gunitados -aplicación de formigóns de consistencia plástica con bombas-, na colocación de elementos de sustentación e na localización e control de deficiencias” durante o propio proceso construtivo. Nese senso, este enxeñeiro incide en que nas etapas iniciais da construción posibles erros de execución “poderían pór en perigo a estabilidade dos túneles”, pese ao que, ata o de agora, os equipos GPR só foran usados en este tipo de obras unha vez rematadas, pero non en “etapas construtivas críticas en canto a seguridade”.

Unha tese que tamén derivou nunha app gratuíta

A cuarta contribución da tese céntrase no ámbito das técnicas de procesado do sinal GPR, a través do desenvolvemento dunha aplicación “para o procesado básico preliminar do sinal electromagnético en tabletas e móbiles” que, explica Prego, constitúe unha “alternativa aos programas comerciais de procesado” á vez que achega diferentes ferramentas para “a representación gráfica, filtrado e depuración do sinal”. A app GPR-Análisis- Geo-radar, que se pode descargar en Google Play, foi tamén validada en varios escenarios reais, entre eles as obras de construción da autovía Ourense-Celanova.

Fuente de la noticia: https://www.uvigo.gal/es/universidade/comunicacion/duvi/tese-demostra-utilidade-xeorradar-detectar-defectos-estradas

Recent Posts

Dejar un comentario

Contact Us

We're not around right now. But you can send us an email and we'll get back to you, asap.

Not readable? Change text. captcha txt

Start typing and press Enter to search

X